4/12/08

Mellor o libro?

Levamos catro recreos vendo a película El perro de los Baskerville e cada día sorpréndenos máis o moito que cambiaron o argumento orixinal do libro.

Como xa comentamos, non fomos capaces de atopar a versión de 1959 protagonizada por Peter Cushing, pero si que vos podemos amosar unha das súas escenas grazas a este vídeo de YouTube:



Finalmente, a película que adquirimos foi esta produción británica do ano 2002:



Non vos imos dicir que a película non gustase, porque mentiriamos. Pero, dende logo, a maioría dos rapaces botaron de menos moitos dos detalles que incluía o libro. Ata a alguén lle pareceu bastante mal que o guionista se permitise a licenza de modificar tantas cousas do texto orixinal.

Veremos que resultado arroxa a enquisa que elaboramos para comparar o libro coa súa versión para a gran pantalla.

19/11/08

Descubrimos ao asasino!

Por fin se aclarou o misterio! Xa sabemos quen foi o asasino de sir Charles Baskerville e, con todo, a maioría estamos un pouquiño decepcionados.

Non é que non nos gustase o libro, senón todo o contrario. Resulta que o estabamos pasando tan ben mentres o liamos, que agora nos sentimos coma se acabase esa festa pola que estás agardando durante moito tempo. Ademais, que se soubese quen era o "malo" cando aínda faltaban tres capítulos para o final do libro chafounos a intriga. Gustaríanos máis que non se descubrise xusto ata o último momento.

Pero, de todos os xeitos, a impresión xeral causada por esta obra entre os membros do club foi moi boa; tanto, que moitos preguntaron que outros títulos hai na Biblioteca do mesmo autor. Parece que, afortunadamente, acertamos de pleno ao decidir ler este libro. E é que xa o diciamos o outro día: Que vivan os clásicos!

Ah!, por certo, cumprimentade a enquisa que aparece na barra lateral, para que quede constancia da vosa opinión respecto do libro.

17/11/08

Vivan os clásicos!

Paseniño vén pisando forte.

Aínda que non o creades, este ano non tivemos que recordar que existía un club de lectura no noso instituto, senón que foron os propios rapaces quen preguntaron cando empezabamos a ler todos xuntos.

Como iamos desaproveitar unha ocasión como esta? Non podiamos esperar a que nos enviasen diñeiro dende a Administración para comprar os exemplares necesarios (12!, xa temos a 12 persoas apuntadas no club!), senón que nos rascamos o peto e sacamos os cuartos de onde puidemos para darlles algo estimulante que ler.

Como co Proxecto Lector (que tamén, por fin!, arrincou no noso centro) se propuxo realizar durante o mes de outubro distintas lecturas relacionadas coa morte, pareceunos consecuente elixir un título que tratase este tema e que lles puidese resultar ameno. E, como non, unha vez máis a resposta estaba nos clásicos!

Pois ben, tras falalo en grupo, decidimos adquirir El sabueso de los Baskerville, obra escrita por sir Arthur Conan Doyle e protagonizada pola parella de detectives máis famosa da historia da Literatura, Sherlock Holmes e o seu querido doutor Watson.

Fáltanme palabras para explicar o entusiasmo observado nos rapaces durante as reunións do club. Xamais imaxinaría que un libro "antigo", como eles adoitan dicir, lles chegase a enganchar deste xeito. Dende logo, non faltou quen non puido resistir a intriga e o leu todo de vez. Ata algún se nos foi da lingua e soprou aos outros quen era o asasino. Pero, todo se lles pode perdoar cando se ve como lles gusta un texto.

Se todo vai ben, pronto poderemos ver unha película baseada nesta obra. Intentamos adquirir a versión antiga, pero foi imposible, así que nos teremos que conformar con outra máis moderna. A ver se lles gusta, aínda que visto o éxito do libro, imaxinámonos que calquera filme lles vai defraudar. Xa vos contaremos.

6/5/08

Xogamos a buscar as diferenzas?


A pesar de que o libro que tiñamos entre as mans era bastante extenso, os nosos cálculos cumpríronse e fomos capaces de terminalo dentro do prazo previsto. Pero, para ser totalmente sinceros, algún/algunha que outro/a integrante se foi escapulindo (sería por mor dos exames ou sería que o cheiro dos bocatas lles facía devecer?).

Tras dedicar unha última reunión a explicar que conexión se pode establecer entre a estrutura clásica de toda obra literaria (presentación, nó e desenlace) e as etapas polas que pasa un/unha heroe/heroína durante a súa viaxe (enténdase tamén busca ou aventura), só nos restaba por realizar o pase da película baseada na novela Los seis signos de la Luz, a cal, por certo, acaba de saír á venda en DVD.

Nesta ocasión, e dado que a proxección tivo lugar no propio local da Biblioteca durante catro días consecutivos, os/as rapaces/rapazas acudiron bastante máis animados/as que a vez anterior. Iso, sen ter en conta que aos/ás adolescentes lles "privan" as películas protagonizadas por mozos/as da súa mesma idade dos/as que depende salvar á Humanidade.

Como era de esperar, a historia orixinal fora modificada ao elaborar o guión, aínda que todos/as quedamos moi sorprendidos/as ao comprobar que había ata máis diferenzas que semellanzas. Somos conscientes de que, evidentemente, no cine todo debe suceder moito máis rápido que nos libros, pero de aí a se tomar a liberdade de realizar tantísimos cambios hai un gran treito.

De todos os xeitos, a pesar de que a película gustou moito (pois aos americanos se lles dá moi ben levar á pantalla este tipo de fantasías épicas), acabamos recoñecendo que, unha vez lido o libro, daba a sensación de que nos quixeran enganar, pois aquela non era "a nosa historia".


Se non pertences ao noso club de lectura e sentes curiosidade por saber de que trata o film, aquí podes ver o trailer publicitario do mesmo. Pero, non esquezas que o libro é aínda moito mellor.




18/4/08

Heroes

Din que máis vale tarde que nunca e en Paseniño por fin conseguimos o número de exemplares necesarios para levar a cabo a lectura de Los seis signos de la Luz, novela da escritora británica Susan Cooper que os/as rapaces/rapazas viñan demandando con insistencia dende había tempo.

Como noutras ocasións, houbo algún integrante do grupo que non puido resistir a tentación e leu todo o libro de vez. Tampouco faltou quen se sentiu un pouco decepcionado/a, ben porque esperaba unhas maiores doses de emoción e perigo na trama, ou ben, porque a forma en que se narra a historia non lle convenceu.
Dende un principio vos dixemos que todo comentario respectuoso tiña cabida no club de lectura e, de feito, agradecemos que sexades sinceros/as á hora de expresar as vosas opinións sobre un libro, pois iso nos axudará a mellorar a calidade das nosas futuras eleccións.

Tendo en conta a temática desta obra, o grupo estamos aproveitando unha boa parte das nosas reunións para facer unha análise conxunta sobre as características dos/as heroes/heroínas literarios/as (tanto clásicos/as como posmodernos/as), intentando, ademais, establecer paralelismos co protagonista desta novela, un neno de apenas 11 anos que, de súpeto, descobre que el é a peza crave para conseguir que a Luz (o Ben) desterre do mundo ás Tebras (o Mal).



Na próxima xuntanza gustaríanos continuar a falar doutros aspectos relacionados coa estrutura literaria deste tipo de relatos, pero dun modo ameno e informal, para que non vos cortedes e participedes todos/as nas charlas.


Por certo, non estaría de máis que os/as maiores perdésedes a vergoña e tomásedes exemplo dos/as vosos/as compañeiros/as de 1º ciclo, que sempre están a preguntar sobre as páxinas que len, vale?

31/3/08

Tigres no cine

Tras rematar a lectura de El devorador de hombres, e dado que non coñecemos a existencia de ningunha película baseada neste conto de Horacio Quiroga, pareceunos unha boa idea buscar algunha outra que relatase a historia dun tigre de Bengala semellante ao noso protagonista, Rajá.
A elección non resultou complicada, xa que as dúas profesoras encargadas de dirixir as charlas do club de lectura nos decantamos por Dos Hermanos, excelente cinta de Jean-Jacques Annaud, afamado director francés que xa demostrou noutras ocasións a súa mestría á hora de traballar con animais salvaxes.
A proxección terá lugar durante os recreos desta semana na Aula de Audiovisuais e será realizada a porta pechada para os/as integrantes de Paseniño, de xeito que unha vez concluída intentaremos atopar as posibles coincidencias entre o argumento do libro e o guión da película.

A continuación, presentamos o cartel publicitario, a ficha artística e unha pequena sinopse do filme:




FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: Jean-Jacques Annaud
Países: Francia e Reino Unido
Ano: 2004
Duración: 109 min
Xénero: Aventuras, drama
Intérpretes: Guy Pearce (Aidan McRory), Jean-Claude Dreyfus (Eugène Normandin), Philippine Leroy Beaulieu (Matilde Normandin), Freddie Highmore (Raoul), Moussa Maaskri (Saladin), Vincent Scarito (Zerbino), Maï Anh Lê (Naï-Rea), Oanh Nguyen (Príncipe)
Guión: Alain Godard e Jean-Jacques Annaud, baseado nunha idea orixinal de Jean-Jacques Annaud
Produción: Jake Eberts e Jean-Jacques Annaud
Música: Stephen Warbeck
Fotografía: Jean-Marie Dreujou
Montaxe: Noëlle Boisson
Deseño de produción: Pierre Queffelean
Vestiario: Pierre-Yves Gayraud
Estrea en Francia: 7 de Abril de 2004
Estrea en España: 3 de Decembro de 2004



SINOPSE:

Nacidos no corazón da selva do sueste asiático, nas ruínas dun templo esquecido séculos atrás, dous tigres medran xogando e aprendendo baixo a mirada benevolente dos Buda cheos de brión e vixiados polos seus proxenitores. Un era tímido e doce e o outro valente e atrevido. Cando un ex-cazador chega para saquear o templo sacro, o destino dos dous irmáns cambiará para sempre. O irmán tímido convértese en estrela de circo co nome de Kumal, mentres que o valente será a mascota do fillo do administrador colonial, que lle dá o nome de Sangha antes de llo entregar a un príncipe que lle ensinará a pelexar. Na madurez, os dous irmáns vólvense atopar na area do circo, onde deberán enfrontarse cara a cara, nunha pelexa a morte.

26/3/08

Vinganza versus Nobreza

Hai obras que fascinan ao lector dende as primeiras páxinas e, sen dúbida, El devorador de hombres é unha delas. Quizais algúns escépticos crean que unha historia como esta non pode interesar aos mozos de hoxe en día. Quen opine así seguro que non asistiu ás nosas reunións do club de lectura destas dúas semanas.

Se o pasado día falabamos con tristeza sobre a sorte corrida por Rajá e a súa familia ou intentabamos comprender por que un animal sanguinario pode sentir afinidade polo cazador que matou aos seus pais, nesta ocasión sufrimos xunto a este tigre de sangue real as malévolas torturas ás que foi sometido por aquel que cría ser o seu domador; pero, sobre todo, esperamos (iso si, con menos paciencia que a demostrada polo protagonista) a que chegase o ansiado momento da vinganza. Desexabamos que Kimberley pagase polo que lle fixo a Rajá, case tanto como el mesmo. Por iso, ver como o noso tigre soltaba á súa presa xusto cando estaba a piques de saborear o instante co que soñara durante anos, fíxonos reflexionar unha vez máis sobre a importancia que algúns seres outorgan a sentimentos tales como a nobreza de corazón.

Oxalá houbese moitas persoas como Rajá e lord Aberdale dispostas a pór no seu sitio a todos os capitáns Kimberley deste mundo, verdade?.

Por certo, o mestre Horacio Quiroga non nos deixa adiviñar o final da historia ata a última páxina e asegúrovos que merece a pena chegar ata el.

4/3/08

Falemos de sentimentos

O club de lectura afrontou hoxe o seu segundo "reto": poñerse na pel dun tigre de Bengala e interpretar os seus sentimentos de tristeza, rancor, sede de vinganza e, mesmo, confraternidade, respecto dos seres humanos que o rodean nesta historia. Estamos a falar do conto El devorador de hombres, escrito polo uruguaio Horacio Quiroga e do que xa leramos un capítulo durante unha xuntanza anterior, sendo elixido naquel intre como seguinte título da nosa lista.

As páxinas comentadas hoxe describen con total detalle a loita a morte entre os pais de Rajá, o protagonista, e os seus cazadores, sendo esta unha das escenas máis intensas do libro.
A todos/as nos estrañou nun principio que, tras ver como mataban aos seus proxenitores, o cachorro de tigre poidese chegar a sentir cariño por un rapaz que participara nesa acción, o que deu pé para falar das cualidades admiradas nel polo animal: a beleza, a valentía e a templanza.
Intentamos xustificar tamén o sentimento de vinganza que nacera no corazón de Rajá a raíz desta desgraza familiar e que, posteriormente, se fora alimentando das humillacións sufridas durante o seu cativerio no circo ao que o trasladaran e no que vivira varios anos.
Pero, quizais, o que máis nos chamou a atención foi que o orgullo deste "príncipe" lle impedira matar ao seu domador cando tivera a oportunidade de facelo, porque considerara que non se trataba dunha pelexa digna dun animal da súa estirpe. Todos/as coincidimos en afirmar que seguramente ninguén dos/as presentes tería sido capaz de se controlar.

A verdade é que estamos ansiosos/as por descubrir como remata esta trepidante historia ambientada na India na que un animal salvaxe demostra ser máis humano que os homes que o torturan para conseguir dobregalo.

27/2/08

Libros de onte e de sempre

No relato Dúas rosas murchas dásenos a entender que o pai da protagonista era un bo lector na súa adolescencia e, ademais, cítanse varios títulos da súa colección persoal.
Para que teñades unha idea do que lían os/as rapaces/rapazas da vosa idade hai 20 ou 30 anos, seleccionei dous deses que mencionan. Aínda que só sexa por curiosidade, deberiades botar unha ollada ás reseñas. Quen sabe..., ao mellor vos enganchan os seu argumentos e decidides lelos. Vos aseguro que son libros estupendos e moi recomendables.

AS AVENTURAS DE ARTHUR GORDON PYM
Autor: Edgar Allan Poe

O mozo Arthur Gordon Pym, embárcase clandestinamente no barco baleeiro Grampus. Tras moitas experiencias e desgrazas (motíns, naufraxios, canibalismo, guerras con nativos) que poñen en risco a súa vida, intérnase en paraxes prodixiosas dos mares antárticos, ata que sofre unha arrepiante revelación coa que culmina a historia.


FAHRENHEIT 451
Autor: Ray Bradbury

"Fahrenheit 451: a temperatura á que o papel dos libros se inflama e arde". Así é como comeza esta histórica obra mestra do xénero da ciencia-ficción. Nun futuro non moi afastado, un corpo de bombeiros co anagrama 451 no casco, conducindo vehículos que semellan salamántigas, non se dedica a extinguir os lumes, senón a provocalos. Un millón de libros foron prohibidos, libros que se contradin entre si, que sosteñen argumentos opostos, e que por iso impiden que a xente sexa feliz. Guy Montag, e a brigada de bombeiros, acoden á emerxencia de cada propietario de libros localizado, coas salamántigas e as mangueiras que lanzan petróleo, para incinerar ata a última folla.

26/2/08

Unha cita cos espíritos

A última historia que nos quedaba por comentar do libro que estabamos lendo titúlase Dúas rosas murchas. Nela cóntasenos como unha adolescente é enviada polos seus pais durante o verán á casa dos seus avós, nunha pequena aldea da Terra Chá, coa intención de que se concentre nos estudos e aprobe en setembro as materias que suspendeu no colexio.
Unha vez alí, comeza a soñar noite tras noite co seu único amigo do pobo, traxicamente morto o ano anterior. A sensación de desacougo que envolve á protagonista se transforma de súpeto en paz cando se ve atraída cara ao lugar onde ese mozo lía a soas, xunto do río. O contacto cuns libros do seu pai que o seu amigo tomara prestados e a lectura dun poema que este copiara e que creu dirixido a ela, lle fan comprender que el está presente ao seu lado, acompañándoa, o que novamente a enche de temor.

O certo é que este conto incitaba a que falásemos de espiritismo ou de algo semellante. Como non cremos oportuno invocar aos mortos (non fose ser que se enfadasen...), pensamos que o mellor sería centrarnos nos soños. Así que conversamos sobre como son os nosos soños, con que frecuencia se repiten, que recordamos deles ao espertar, que cousas nos dan medo polas noites... e, ata descubrimos a dous somnámbulos entre nós!
Ao final, o tempo botóusenos enriba, polo que houbo unha serie de preguntas que quedaron no aire. Sería interesante saber que opinades sobre elas, de modo que aquí volas deixo propostas. Se o desexades, podedes contestalas no apartado de comentarios.

  • Cando soñades cun ser querido que xa morreu, que sentides ao espertar?
  • Pensades que as persoas que nos queren, ao morrer nos coidan ou protexen dalgún xeito dende o máis aló?
  • Credes nas pantasmas? E nos fenómenos sobrenaturais?

Para rematar, unhas palabras deste relato para lembrar:

"Ben sei que as cousas da vida non teñen un comezo prefixado, (...). Vivir é máis complicado, ou máis sinxelo, e cada peza do que nos ocorre só cobra sentido cando se encaixa coas anteriores."

19/2/08

Grandes defectos

"É duro irse facendo maior. É duro ir descubrindo que non todo está tan ben ni é tan perfecto como unha pensaba"

Por desgraza, ás veces comprobamos que alguén a quen admirabamos moito non é tan boa persoa como nós criamos. Iso é precisamente o que lle sucede a Marta, a pequena protagonista do relato Querida avoa que esta mañá comentamos no club de lectura. Cando máis ilusionada estaba a rapaza porque a súa avoa ía pasar uns días na súa casa, decátase de que esta é unha racista que non soporta a "eses homes que veñen para a nosa terra, cando xa case non hai traballo nin para os homes de aquí", tal e como ela di.
Evidentemente, esta historia invitounos a falar de racismo e xenofobia, preguntándonos ata que punto a xente maior ou a que vive nas aldeas é máis remisa que outras persoas a aceptar aos inmigrantes estranxeiros. A resposta parecía clara: os que viaxaron, viron mundo e coñeceron outras culturas, case sempre son máis tolerantes cós demais.
Como é posible que xa esquecesen que os seus pais, tíos ou irmáns tiveron que emigrar hai anos porque aquí morrían coa fame ou eran perseguidos por motivos políticos? Por que pensan que os africanos, os marroquís, os suramericanos, etc., son diferentes a nós? Simplemente pola cor da súa pel, polo idioma que non entenden ou porque lle rezan a outros deuses? Iso non importa! Aos únicos que se lles debe reprochar algo é a aqueles que non acatan a lei, a nosa lei, porque agora viven neste país. Pero, cantos galegos e cantos españois de "pura raza" hai que tamén a infrinxen? Son eses mellores que os delincuentes que veñen doutras terras?
Estamos de acordo en que hai que respectar aos nosos maiores, pero iso non significa que o que pensan sexa sempre correcto e, dende logo, neste tema se equivocan por completo.


Quero destacar unha frase que aparece ao final do conto:

"Quizais querer de verdade a unha persoa significa aceptar tamén os defectos que tivese, coñecer o seu lado escuro, case sempre oculto na vida cotiá".

Agora eu pregunto: Vós seriades capaces de querer de verdade a un familiar cun defecto como o da avoa de Marta?

18/2/08

Menuda mentira!

Así que as Matemáticas son cousa de homes?... ¡Mentira! E para que o comprobedes por vosoutros/as mesmos/as, picade nesta ligazón e poderedes coñecer a algunhas das mulleres que fixeron historia nesta ciencia ao longo dos séculos. Concedédelles polo menos uns minutos e non "pasedes" delas, tal e como intentaron facer algúns dos seus contemporáneos.

12/2/08

Supersticións e machismo

Á reunión de onte faltaron algúns/algunhas integrantes do club, pero, a cambio contamos coa presenza e colaboración da nosa profesora de Lingua e Literatura Castelás, Susana Lorenzo López, quen se quixo unir ao grupo para compartir todos/as xuntos/as estes momentos distendidos nos que charlamos de libros e, tamén, de moitas outras cousas.
Así, por exemplo, falamos sobre amuletos, supersticións e, especialmente, sobre machismo e igualdade entre homes e mulleres, por mor dos relatos Unha pedra na area e Un curso con Ana, que eran os propostos para esta semana.
Entre todos/as fixemos un repaso acerca das supersticións máis coñecidas, chegando á conclusión de que crer que algo che pode traer mala ou boa sorte é case que unha bobada, aínda que, evidentemente, respectamos as opinións e crenzas de todo o mundo.
Con todo, os comentarios máis enfáticos centráronse ao redor das reivindicacións que Ana, a protagonista do terceiro relato do libro Rapazas, fai en relación ao trato desigual que mozas e mozos sofren no colexio e a mans da sociedade, en xeral.
Ademais de explicar en que consiste a coeducación en canto á forma de expresarse, (tema moi presente no relato mencionado), falouse de deportes masculinos, femininos e mixtos (apenas coñecían ningún destes últimos), do papel sexista que as mulleres desempeñan en moitas ocasións como figura decorativa ou gancho para atraer aos homes (caso das animadoras nos partidos) e da representación feminina nos órganos de goberno. Chamounos a atención que ningún dos/as nosos/as alumnos/as fose consciente de que nos nove anos de funcionamento deste instituto, soamente houbese unha moza no Consello Escolar, mentres que os/as representantes da asociación de pais e nais de alumnos/as foran sempre e son mulleres. Coñecido este detalle, pedíuselles que se informasen sobre a nova lei electoral que obriga aos partidos políticos a elaborar as súas candidaturas tendo en conta o número de mulleres e de homes que integran as listas.
Agora ben, houbo unha frase que a todos/as nos chegou ao alma debido á súa estupidez:
"As Matemáticas son coma o coñac, cousa de homes"
Afortunadamente, pareceulles ridícula e, dende logo, inconcibible vindo dun profesor. Con todo, ninguén soubo dicir o nome dunha muller matemática ou científica que non fose Madame Curie. Por este motivo, instámolos/as a que buscasen información respecto diso, para que comprobasen ata que punto o sexo feminino estivo presente na Ciencia ao longo da Historia da Humanidade. Á súa vez, Susana explicoulles por que apenas se coñecen mulleres literatas anteriores ao século XX.

En definitiva, foi unha charla moi produtiva e que dende o meu punto de vista fíxose curta, pois case todos/as tiñan opinións que achegar, o cal é de agradecer sempre.

Para rematar, reproduzo unha frase do libro, pronunciada por Raquel, unha das amigas de Ana, que nos debería facer reflexionar durante polo menos uns minutos:

"Eran moitas as cousas que me parecían naturais: sempre as vira facer así e consideraba normal que permanecesen sen cambios"

Tamén ti vas permitir que aquilo co que non estás de acordo continúe igual sen facer nada para conseguir que cambie? Oxalá o mundo estivese a rebordar de xente como Ana, disposta a intervir e a frear as inxustizas, non cres?

6/2/08

Somos coma nenos

Realmente hoxe foi un día especial para o Club de Lectura.
En efecto, non só comezamos as nosas reunións, senón que tamén tivemos a oportunidade de asistir á obra musical Robin Hood, que unha compañía de teatro galega representou no Centro Social de Caixanova en Pontevedra.
Aínda que o fútbol (vaia por Deus cos adestramentos!) impediu que dúas das nosas mozas viñesen connosco, vos aseguramos que o Instituto de Barro estaba moi ben representado. E é que, ademais dos integrantes do club, por alí apareceron un montón de profes cos seus fillos e fillas.
Durante unha hora, aproximadamente, todos nos sentimos outra vez coma se fósemos neniños pequenos porque, realmente, a obra estaba pensada para os críos. Pero, ao se tratar dun musical... En fin, que a música ten algo que "engancha" e que por aquí non se nos ofrecen moitas ocasións de asistir a un espectáculo deste tipo.

Esperamos poder contar novamente coa colaboración dos/as pais/nais que se brindaron a levar aos/ás rapaces/rapazas ata Pontevedra, porque sendo así seguro que poderemos repetir a experiencia un pouco máis adiante.


Visitante das estrelas

Acaba de rematar a reunión do club na que vimos de comentar o primeiro dos seis relatos que integran o libro Rapazas, de Agustín Fernández Paz.
Neste conto, titulado Visitante das estrelas, o autor pon de manifesto certas actitudes, habituais na sociedade actual, pero que a unha ficticia extraterrestre, aloxada de incógnito no corpo dunha adolescente galega, lle resultan totalmente incomprensibles.
Así, a visitante non entende o comportamento lingüístico da xente da zona (falan galego na casa e castelán no traballo, na rúa ou no colexio), a forma na que se imparte o ensino (repetindo unha e outra vez as mesmas cousas que veñen nos libros, en lugar de innovar), o modo de actuar dos/as rapaces/rapazas cando se namoran (finxen que tal sentimento non existe), a falta de sensibilidade dos humanos en relación coa progresiva deterioración da Natureza, os ataques racistas que sofren moitas persoas sen que ninguén interveña no seu favor para defendelas e axudalas (a pesar de non compartir esas ideas xenófobas).
Falamos sobre todas estas cousas, intentando non ver a palla no ollo alleo sen ver a viga no noso. É dicir, asumimos que realmente sucede todo isto que o autor critica e que somos conscientes de que é así, pero que poucas veces facemos algo para que acabe sendo doutro xeito.
Tamén nos chamou moito a atención o cambio experimentado pola visitante, que finalmente se identifica coa protagonista, ata o punto de falar en primeira persoa cando se refire a ela, compartindo incluso as súas mesmas emocións.
De todas as frases lidas, destacamos esta: "Con xente coma ti nunca poderá avanzar o mundo!", e estamos completamente de acordo en que o racismo e os/as racistas son un cancro para a sociedade, un tumor que é necesario arrincar.

Afortunadamente, o relato gustou a todo o mundo, polo que todos/as semellan ter ganas de que chegue a seguinte posta en común, o próximo Martes día 12 de febreiro, na que comentaremos polo menos outros dous relatos máis do libro.



5/2/08

Benvid@s ao noso humilde club

Estreamos hoxe o blogue do noso club de lectura porque... mañá será o gran día! Por fin poderedes elixir o que realmente vos apetece ler e compartir as vosas ideas sobre libros con outros/as compañeiros/as, sen que ninguén tome notas ou vos vaia cualificar polo que dicides.
Xa sabedes que estas páxinas están abertas a todo tipo de suxestións e que calquera podedes participar. O único que vos pedimos é que sexades educados/as e que non as utilicedes para menosprezar as opinións dos/as demais, porque todas son válidas e todas teñen dereito a ser escoitadas.
O dito, mañá falamos. Lembrade que nos reuniremos na Biblioteca durante o recreo para charlar sobre as dúas primeiras historias do libro, Rapazas. Espero que vos teñan gustado tanto como a min.