27/2/08

Libros de onte e de sempre

No relato Dúas rosas murchas dásenos a entender que o pai da protagonista era un bo lector na súa adolescencia e, ademais, cítanse varios títulos da súa colección persoal.
Para que teñades unha idea do que lían os/as rapaces/rapazas da vosa idade hai 20 ou 30 anos, seleccionei dous deses que mencionan. Aínda que só sexa por curiosidade, deberiades botar unha ollada ás reseñas. Quen sabe..., ao mellor vos enganchan os seu argumentos e decidides lelos. Vos aseguro que son libros estupendos e moi recomendables.

AS AVENTURAS DE ARTHUR GORDON PYM
Autor: Edgar Allan Poe

O mozo Arthur Gordon Pym, embárcase clandestinamente no barco baleeiro Grampus. Tras moitas experiencias e desgrazas (motíns, naufraxios, canibalismo, guerras con nativos) que poñen en risco a súa vida, intérnase en paraxes prodixiosas dos mares antárticos, ata que sofre unha arrepiante revelación coa que culmina a historia.


FAHRENHEIT 451
Autor: Ray Bradbury

"Fahrenheit 451: a temperatura á que o papel dos libros se inflama e arde". Así é como comeza esta histórica obra mestra do xénero da ciencia-ficción. Nun futuro non moi afastado, un corpo de bombeiros co anagrama 451 no casco, conducindo vehículos que semellan salamántigas, non se dedica a extinguir os lumes, senón a provocalos. Un millón de libros foron prohibidos, libros que se contradin entre si, que sosteñen argumentos opostos, e que por iso impiden que a xente sexa feliz. Guy Montag, e a brigada de bombeiros, acoden á emerxencia de cada propietario de libros localizado, coas salamántigas e as mangueiras que lanzan petróleo, para incinerar ata a última folla.

26/2/08

Unha cita cos espíritos

A última historia que nos quedaba por comentar do libro que estabamos lendo titúlase Dúas rosas murchas. Nela cóntasenos como unha adolescente é enviada polos seus pais durante o verán á casa dos seus avós, nunha pequena aldea da Terra Chá, coa intención de que se concentre nos estudos e aprobe en setembro as materias que suspendeu no colexio.
Unha vez alí, comeza a soñar noite tras noite co seu único amigo do pobo, traxicamente morto o ano anterior. A sensación de desacougo que envolve á protagonista se transforma de súpeto en paz cando se ve atraída cara ao lugar onde ese mozo lía a soas, xunto do río. O contacto cuns libros do seu pai que o seu amigo tomara prestados e a lectura dun poema que este copiara e que creu dirixido a ela, lle fan comprender que el está presente ao seu lado, acompañándoa, o que novamente a enche de temor.

O certo é que este conto incitaba a que falásemos de espiritismo ou de algo semellante. Como non cremos oportuno invocar aos mortos (non fose ser que se enfadasen...), pensamos que o mellor sería centrarnos nos soños. Así que conversamos sobre como son os nosos soños, con que frecuencia se repiten, que recordamos deles ao espertar, que cousas nos dan medo polas noites... e, ata descubrimos a dous somnámbulos entre nós!
Ao final, o tempo botóusenos enriba, polo que houbo unha serie de preguntas que quedaron no aire. Sería interesante saber que opinades sobre elas, de modo que aquí volas deixo propostas. Se o desexades, podedes contestalas no apartado de comentarios.

  • Cando soñades cun ser querido que xa morreu, que sentides ao espertar?
  • Pensades que as persoas que nos queren, ao morrer nos coidan ou protexen dalgún xeito dende o máis aló?
  • Credes nas pantasmas? E nos fenómenos sobrenaturais?

Para rematar, unhas palabras deste relato para lembrar:

"Ben sei que as cousas da vida non teñen un comezo prefixado, (...). Vivir é máis complicado, ou máis sinxelo, e cada peza do que nos ocorre só cobra sentido cando se encaixa coas anteriores."

19/2/08

Grandes defectos

"É duro irse facendo maior. É duro ir descubrindo que non todo está tan ben ni é tan perfecto como unha pensaba"

Por desgraza, ás veces comprobamos que alguén a quen admirabamos moito non é tan boa persoa como nós criamos. Iso é precisamente o que lle sucede a Marta, a pequena protagonista do relato Querida avoa que esta mañá comentamos no club de lectura. Cando máis ilusionada estaba a rapaza porque a súa avoa ía pasar uns días na súa casa, decátase de que esta é unha racista que non soporta a "eses homes que veñen para a nosa terra, cando xa case non hai traballo nin para os homes de aquí", tal e como ela di.
Evidentemente, esta historia invitounos a falar de racismo e xenofobia, preguntándonos ata que punto a xente maior ou a que vive nas aldeas é máis remisa que outras persoas a aceptar aos inmigrantes estranxeiros. A resposta parecía clara: os que viaxaron, viron mundo e coñeceron outras culturas, case sempre son máis tolerantes cós demais.
Como é posible que xa esquecesen que os seus pais, tíos ou irmáns tiveron que emigrar hai anos porque aquí morrían coa fame ou eran perseguidos por motivos políticos? Por que pensan que os africanos, os marroquís, os suramericanos, etc., son diferentes a nós? Simplemente pola cor da súa pel, polo idioma que non entenden ou porque lle rezan a outros deuses? Iso non importa! Aos únicos que se lles debe reprochar algo é a aqueles que non acatan a lei, a nosa lei, porque agora viven neste país. Pero, cantos galegos e cantos españois de "pura raza" hai que tamén a infrinxen? Son eses mellores que os delincuentes que veñen doutras terras?
Estamos de acordo en que hai que respectar aos nosos maiores, pero iso non significa que o que pensan sexa sempre correcto e, dende logo, neste tema se equivocan por completo.


Quero destacar unha frase que aparece ao final do conto:

"Quizais querer de verdade a unha persoa significa aceptar tamén os defectos que tivese, coñecer o seu lado escuro, case sempre oculto na vida cotiá".

Agora eu pregunto: Vós seriades capaces de querer de verdade a un familiar cun defecto como o da avoa de Marta?

18/2/08

Menuda mentira!

Así que as Matemáticas son cousa de homes?... ¡Mentira! E para que o comprobedes por vosoutros/as mesmos/as, picade nesta ligazón e poderedes coñecer a algunhas das mulleres que fixeron historia nesta ciencia ao longo dos séculos. Concedédelles polo menos uns minutos e non "pasedes" delas, tal e como intentaron facer algúns dos seus contemporáneos.

12/2/08

Supersticións e machismo

Á reunión de onte faltaron algúns/algunhas integrantes do club, pero, a cambio contamos coa presenza e colaboración da nosa profesora de Lingua e Literatura Castelás, Susana Lorenzo López, quen se quixo unir ao grupo para compartir todos/as xuntos/as estes momentos distendidos nos que charlamos de libros e, tamén, de moitas outras cousas.
Así, por exemplo, falamos sobre amuletos, supersticións e, especialmente, sobre machismo e igualdade entre homes e mulleres, por mor dos relatos Unha pedra na area e Un curso con Ana, que eran os propostos para esta semana.
Entre todos/as fixemos un repaso acerca das supersticións máis coñecidas, chegando á conclusión de que crer que algo che pode traer mala ou boa sorte é case que unha bobada, aínda que, evidentemente, respectamos as opinións e crenzas de todo o mundo.
Con todo, os comentarios máis enfáticos centráronse ao redor das reivindicacións que Ana, a protagonista do terceiro relato do libro Rapazas, fai en relación ao trato desigual que mozas e mozos sofren no colexio e a mans da sociedade, en xeral.
Ademais de explicar en que consiste a coeducación en canto á forma de expresarse, (tema moi presente no relato mencionado), falouse de deportes masculinos, femininos e mixtos (apenas coñecían ningún destes últimos), do papel sexista que as mulleres desempeñan en moitas ocasións como figura decorativa ou gancho para atraer aos homes (caso das animadoras nos partidos) e da representación feminina nos órganos de goberno. Chamounos a atención que ningún dos/as nosos/as alumnos/as fose consciente de que nos nove anos de funcionamento deste instituto, soamente houbese unha moza no Consello Escolar, mentres que os/as representantes da asociación de pais e nais de alumnos/as foran sempre e son mulleres. Coñecido este detalle, pedíuselles que se informasen sobre a nova lei electoral que obriga aos partidos políticos a elaborar as súas candidaturas tendo en conta o número de mulleres e de homes que integran as listas.
Agora ben, houbo unha frase que a todos/as nos chegou ao alma debido á súa estupidez:
"As Matemáticas son coma o coñac, cousa de homes"
Afortunadamente, pareceulles ridícula e, dende logo, inconcibible vindo dun profesor. Con todo, ninguén soubo dicir o nome dunha muller matemática ou científica que non fose Madame Curie. Por este motivo, instámolos/as a que buscasen información respecto diso, para que comprobasen ata que punto o sexo feminino estivo presente na Ciencia ao longo da Historia da Humanidade. Á súa vez, Susana explicoulles por que apenas se coñecen mulleres literatas anteriores ao século XX.

En definitiva, foi unha charla moi produtiva e que dende o meu punto de vista fíxose curta, pois case todos/as tiñan opinións que achegar, o cal é de agradecer sempre.

Para rematar, reproduzo unha frase do libro, pronunciada por Raquel, unha das amigas de Ana, que nos debería facer reflexionar durante polo menos uns minutos:

"Eran moitas as cousas que me parecían naturais: sempre as vira facer así e consideraba normal que permanecesen sen cambios"

Tamén ti vas permitir que aquilo co que non estás de acordo continúe igual sen facer nada para conseguir que cambie? Oxalá o mundo estivese a rebordar de xente como Ana, disposta a intervir e a frear as inxustizas, non cres?

6/2/08

Somos coma nenos

Realmente hoxe foi un día especial para o Club de Lectura.
En efecto, non só comezamos as nosas reunións, senón que tamén tivemos a oportunidade de asistir á obra musical Robin Hood, que unha compañía de teatro galega representou no Centro Social de Caixanova en Pontevedra.
Aínda que o fútbol (vaia por Deus cos adestramentos!) impediu que dúas das nosas mozas viñesen connosco, vos aseguramos que o Instituto de Barro estaba moi ben representado. E é que, ademais dos integrantes do club, por alí apareceron un montón de profes cos seus fillos e fillas.
Durante unha hora, aproximadamente, todos nos sentimos outra vez coma se fósemos neniños pequenos porque, realmente, a obra estaba pensada para os críos. Pero, ao se tratar dun musical... En fin, que a música ten algo que "engancha" e que por aquí non se nos ofrecen moitas ocasións de asistir a un espectáculo deste tipo.

Esperamos poder contar novamente coa colaboración dos/as pais/nais que se brindaron a levar aos/ás rapaces/rapazas ata Pontevedra, porque sendo así seguro que poderemos repetir a experiencia un pouco máis adiante.


Visitante das estrelas

Acaba de rematar a reunión do club na que vimos de comentar o primeiro dos seis relatos que integran o libro Rapazas, de Agustín Fernández Paz.
Neste conto, titulado Visitante das estrelas, o autor pon de manifesto certas actitudes, habituais na sociedade actual, pero que a unha ficticia extraterrestre, aloxada de incógnito no corpo dunha adolescente galega, lle resultan totalmente incomprensibles.
Así, a visitante non entende o comportamento lingüístico da xente da zona (falan galego na casa e castelán no traballo, na rúa ou no colexio), a forma na que se imparte o ensino (repetindo unha e outra vez as mesmas cousas que veñen nos libros, en lugar de innovar), o modo de actuar dos/as rapaces/rapazas cando se namoran (finxen que tal sentimento non existe), a falta de sensibilidade dos humanos en relación coa progresiva deterioración da Natureza, os ataques racistas que sofren moitas persoas sen que ninguén interveña no seu favor para defendelas e axudalas (a pesar de non compartir esas ideas xenófobas).
Falamos sobre todas estas cousas, intentando non ver a palla no ollo alleo sen ver a viga no noso. É dicir, asumimos que realmente sucede todo isto que o autor critica e que somos conscientes de que é así, pero que poucas veces facemos algo para que acabe sendo doutro xeito.
Tamén nos chamou moito a atención o cambio experimentado pola visitante, que finalmente se identifica coa protagonista, ata o punto de falar en primeira persoa cando se refire a ela, compartindo incluso as súas mesmas emocións.
De todas as frases lidas, destacamos esta: "Con xente coma ti nunca poderá avanzar o mundo!", e estamos completamente de acordo en que o racismo e os/as racistas son un cancro para a sociedade, un tumor que é necesario arrincar.

Afortunadamente, o relato gustou a todo o mundo, polo que todos/as semellan ter ganas de que chegue a seguinte posta en común, o próximo Martes día 12 de febreiro, na que comentaremos polo menos outros dous relatos máis do libro.



5/2/08

Benvid@s ao noso humilde club

Estreamos hoxe o blogue do noso club de lectura porque... mañá será o gran día! Por fin poderedes elixir o que realmente vos apetece ler e compartir as vosas ideas sobre libros con outros/as compañeiros/as, sen que ninguén tome notas ou vos vaia cualificar polo que dicides.
Xa sabedes que estas páxinas están abertas a todo tipo de suxestións e que calquera podedes participar. O único que vos pedimos é que sexades educados/as e que non as utilicedes para menosprezar as opinións dos/as demais, porque todas son válidas e todas teñen dereito a ser escoitadas.
O dito, mañá falamos. Lembrade que nos reuniremos na Biblioteca durante o recreo para charlar sobre as dúas primeiras historias do libro, Rapazas. Espero que vos teñan gustado tanto como a min.