31/3/08

Tigres no cine

Tras rematar a lectura de El devorador de hombres, e dado que non coñecemos a existencia de ningunha película baseada neste conto de Horacio Quiroga, pareceunos unha boa idea buscar algunha outra que relatase a historia dun tigre de Bengala semellante ao noso protagonista, Rajá.
A elección non resultou complicada, xa que as dúas profesoras encargadas de dirixir as charlas do club de lectura nos decantamos por Dos Hermanos, excelente cinta de Jean-Jacques Annaud, afamado director francés que xa demostrou noutras ocasións a súa mestría á hora de traballar con animais salvaxes.
A proxección terá lugar durante os recreos desta semana na Aula de Audiovisuais e será realizada a porta pechada para os/as integrantes de Paseniño, de xeito que unha vez concluída intentaremos atopar as posibles coincidencias entre o argumento do libro e o guión da película.

A continuación, presentamos o cartel publicitario, a ficha artística e unha pequena sinopse do filme:




FICHA ARTÍSTICA:

Dirección: Jean-Jacques Annaud
Países: Francia e Reino Unido
Ano: 2004
Duración: 109 min
Xénero: Aventuras, drama
Intérpretes: Guy Pearce (Aidan McRory), Jean-Claude Dreyfus (Eugène Normandin), Philippine Leroy Beaulieu (Matilde Normandin), Freddie Highmore (Raoul), Moussa Maaskri (Saladin), Vincent Scarito (Zerbino), Maï Anh Lê (Naï-Rea), Oanh Nguyen (Príncipe)
Guión: Alain Godard e Jean-Jacques Annaud, baseado nunha idea orixinal de Jean-Jacques Annaud
Produción: Jake Eberts e Jean-Jacques Annaud
Música: Stephen Warbeck
Fotografía: Jean-Marie Dreujou
Montaxe: Noëlle Boisson
Deseño de produción: Pierre Queffelean
Vestiario: Pierre-Yves Gayraud
Estrea en Francia: 7 de Abril de 2004
Estrea en España: 3 de Decembro de 2004



SINOPSE:

Nacidos no corazón da selva do sueste asiático, nas ruínas dun templo esquecido séculos atrás, dous tigres medran xogando e aprendendo baixo a mirada benevolente dos Buda cheos de brión e vixiados polos seus proxenitores. Un era tímido e doce e o outro valente e atrevido. Cando un ex-cazador chega para saquear o templo sacro, o destino dos dous irmáns cambiará para sempre. O irmán tímido convértese en estrela de circo co nome de Kumal, mentres que o valente será a mascota do fillo do administrador colonial, que lle dá o nome de Sangha antes de llo entregar a un príncipe que lle ensinará a pelexar. Na madurez, os dous irmáns vólvense atopar na area do circo, onde deberán enfrontarse cara a cara, nunha pelexa a morte.

26/3/08

Vinganza versus Nobreza

Hai obras que fascinan ao lector dende as primeiras páxinas e, sen dúbida, El devorador de hombres é unha delas. Quizais algúns escépticos crean que unha historia como esta non pode interesar aos mozos de hoxe en día. Quen opine así seguro que non asistiu ás nosas reunións do club de lectura destas dúas semanas.

Se o pasado día falabamos con tristeza sobre a sorte corrida por Rajá e a súa familia ou intentabamos comprender por que un animal sanguinario pode sentir afinidade polo cazador que matou aos seus pais, nesta ocasión sufrimos xunto a este tigre de sangue real as malévolas torturas ás que foi sometido por aquel que cría ser o seu domador; pero, sobre todo, esperamos (iso si, con menos paciencia que a demostrada polo protagonista) a que chegase o ansiado momento da vinganza. Desexabamos que Kimberley pagase polo que lle fixo a Rajá, case tanto como el mesmo. Por iso, ver como o noso tigre soltaba á súa presa xusto cando estaba a piques de saborear o instante co que soñara durante anos, fíxonos reflexionar unha vez máis sobre a importancia que algúns seres outorgan a sentimentos tales como a nobreza de corazón.

Oxalá houbese moitas persoas como Rajá e lord Aberdale dispostas a pór no seu sitio a todos os capitáns Kimberley deste mundo, verdade?.

Por certo, o mestre Horacio Quiroga non nos deixa adiviñar o final da historia ata a última páxina e asegúrovos que merece a pena chegar ata el.

4/3/08

Falemos de sentimentos

O club de lectura afrontou hoxe o seu segundo "reto": poñerse na pel dun tigre de Bengala e interpretar os seus sentimentos de tristeza, rancor, sede de vinganza e, mesmo, confraternidade, respecto dos seres humanos que o rodean nesta historia. Estamos a falar do conto El devorador de hombres, escrito polo uruguaio Horacio Quiroga e do que xa leramos un capítulo durante unha xuntanza anterior, sendo elixido naquel intre como seguinte título da nosa lista.

As páxinas comentadas hoxe describen con total detalle a loita a morte entre os pais de Rajá, o protagonista, e os seus cazadores, sendo esta unha das escenas máis intensas do libro.
A todos/as nos estrañou nun principio que, tras ver como mataban aos seus proxenitores, o cachorro de tigre poidese chegar a sentir cariño por un rapaz que participara nesa acción, o que deu pé para falar das cualidades admiradas nel polo animal: a beleza, a valentía e a templanza.
Intentamos xustificar tamén o sentimento de vinganza que nacera no corazón de Rajá a raíz desta desgraza familiar e que, posteriormente, se fora alimentando das humillacións sufridas durante o seu cativerio no circo ao que o trasladaran e no que vivira varios anos.
Pero, quizais, o que máis nos chamou a atención foi que o orgullo deste "príncipe" lle impedira matar ao seu domador cando tivera a oportunidade de facelo, porque considerara que non se trataba dunha pelexa digna dun animal da súa estirpe. Todos/as coincidimos en afirmar que seguramente ninguén dos/as presentes tería sido capaz de se controlar.

A verdade é que estamos ansiosos/as por descubrir como remata esta trepidante historia ambientada na India na que un animal salvaxe demostra ser máis humano que os homes que o torturan para conseguir dobregalo.