19/11/08

Descubrimos ao asasino!

Por fin se aclarou o misterio! Xa sabemos quen foi o asasino de sir Charles Baskerville e, con todo, a maioría estamos un pouquiño decepcionados.

Non é que non nos gustase o libro, senón todo o contrario. Resulta que o estabamos pasando tan ben mentres o liamos, que agora nos sentimos coma se acabase esa festa pola que estás agardando durante moito tempo. Ademais, que se soubese quen era o "malo" cando aínda faltaban tres capítulos para o final do libro chafounos a intriga. Gustaríanos máis que non se descubrise xusto ata o último momento.

Pero, de todos os xeitos, a impresión xeral causada por esta obra entre os membros do club foi moi boa; tanto, que moitos preguntaron que outros títulos hai na Biblioteca do mesmo autor. Parece que, afortunadamente, acertamos de pleno ao decidir ler este libro. E é que xa o diciamos o outro día: Que vivan os clásicos!

Ah!, por certo, cumprimentade a enquisa que aparece na barra lateral, para que quede constancia da vosa opinión respecto do libro.

17/11/08

Vivan os clásicos!

Paseniño vén pisando forte.

Aínda que non o creades, este ano non tivemos que recordar que existía un club de lectura no noso instituto, senón que foron os propios rapaces quen preguntaron cando empezabamos a ler todos xuntos.

Como iamos desaproveitar unha ocasión como esta? Non podiamos esperar a que nos enviasen diñeiro dende a Administración para comprar os exemplares necesarios (12!, xa temos a 12 persoas apuntadas no club!), senón que nos rascamos o peto e sacamos os cuartos de onde puidemos para darlles algo estimulante que ler.

Como co Proxecto Lector (que tamén, por fin!, arrincou no noso centro) se propuxo realizar durante o mes de outubro distintas lecturas relacionadas coa morte, pareceunos consecuente elixir un título que tratase este tema e que lles puidese resultar ameno. E, como non, unha vez máis a resposta estaba nos clásicos!

Pois ben, tras falalo en grupo, decidimos adquirir El sabueso de los Baskerville, obra escrita por sir Arthur Conan Doyle e protagonizada pola parella de detectives máis famosa da historia da Literatura, Sherlock Holmes e o seu querido doutor Watson.

Fáltanme palabras para explicar o entusiasmo observado nos rapaces durante as reunións do club. Xamais imaxinaría que un libro "antigo", como eles adoitan dicir, lles chegase a enganchar deste xeito. Dende logo, non faltou quen non puido resistir a intriga e o leu todo de vez. Ata algún se nos foi da lingua e soprou aos outros quen era o asasino. Pero, todo se lles pode perdoar cando se ve como lles gusta un texto.

Se todo vai ben, pronto poderemos ver unha película baseada nesta obra. Intentamos adquirir a versión antiga, pero foi imposible, así que nos teremos que conformar con outra máis moderna. A ver se lles gusta, aínda que visto o éxito do libro, imaxinámonos que calquera filme lles vai defraudar. Xa vos contaremos.