3/6/09

Unha xoia da literatura universal

Logo de ternos rido a gusto coas dúas últimas pezas teatrais lidas e interpretadas no Club, decidimos cambiar novamente de xénero e de temática para dedicar as nosas últimas reunións do presente curso a comentar unha das obras mestras da literatura do século XX: A perla, do escritor norteamericano John Steinbeck.

Quizais, a primeira vista, esta novela non resulte tan atractiva aos nosos mozos como outras máis comerciais que as editoriais lles intentan meter polos ollos. Con todo, hoxe puidemos confirmar o que xa sospeitabamos: unha vez iniciada a súa lectura, os nosos paseniños sentíronse conmovidos pola historia narrada e, inmediatamente, situáronse á beira desa familia indíxena que ve como o seu neno corre perigo de morrer porque un cruel médico racista se nega a atendelo.

Seguramente, o desenlace, que aínda non imaxinan, deixe nestes rapaces un sabor agridoce. No entanto, cremos que merece a pena correr ese risco e darlles a coñecer un libro coma este, que, a pesar de ser escrito hai máis de 50 anos, aborda temas que, por desgraza, semella que sempre estarán de actualidade: a diferenciación social, o racismo, a violencia e a cobiza humana.

No hay comentarios: