12/2/08

Supersticións e machismo

Á reunión de onte faltaron algúns/algunhas integrantes do club, pero, a cambio contamos coa presenza e colaboración da nosa profesora de Lingua e Literatura Castelás, Susana Lorenzo López, quen se quixo unir ao grupo para compartir todos/as xuntos/as estes momentos distendidos nos que charlamos de libros e, tamén, de moitas outras cousas.
Así, por exemplo, falamos sobre amuletos, supersticións e, especialmente, sobre machismo e igualdade entre homes e mulleres, por mor dos relatos Unha pedra na area e Un curso con Ana, que eran os propostos para esta semana.
Entre todos/as fixemos un repaso acerca das supersticións máis coñecidas, chegando á conclusión de que crer que algo che pode traer mala ou boa sorte é case que unha bobada, aínda que, evidentemente, respectamos as opinións e crenzas de todo o mundo.
Con todo, os comentarios máis enfáticos centráronse ao redor das reivindicacións que Ana, a protagonista do terceiro relato do libro Rapazas, fai en relación ao trato desigual que mozas e mozos sofren no colexio e a mans da sociedade, en xeral.
Ademais de explicar en que consiste a coeducación en canto á forma de expresarse, (tema moi presente no relato mencionado), falouse de deportes masculinos, femininos e mixtos (apenas coñecían ningún destes últimos), do papel sexista que as mulleres desempeñan en moitas ocasións como figura decorativa ou gancho para atraer aos homes (caso das animadoras nos partidos) e da representación feminina nos órganos de goberno. Chamounos a atención que ningún dos/as nosos/as alumnos/as fose consciente de que nos nove anos de funcionamento deste instituto, soamente houbese unha moza no Consello Escolar, mentres que os/as representantes da asociación de pais e nais de alumnos/as foran sempre e son mulleres. Coñecido este detalle, pedíuselles que se informasen sobre a nova lei electoral que obriga aos partidos políticos a elaborar as súas candidaturas tendo en conta o número de mulleres e de homes que integran as listas.
Agora ben, houbo unha frase que a todos/as nos chegou ao alma debido á súa estupidez:
"As Matemáticas son coma o coñac, cousa de homes"
Afortunadamente, pareceulles ridícula e, dende logo, inconcibible vindo dun profesor. Con todo, ninguén soubo dicir o nome dunha muller matemática ou científica que non fose Madame Curie. Por este motivo, instámolos/as a que buscasen información respecto diso, para que comprobasen ata que punto o sexo feminino estivo presente na Ciencia ao longo da Historia da Humanidade. Á súa vez, Susana explicoulles por que apenas se coñecen mulleres literatas anteriores ao século XX.

En definitiva, foi unha charla moi produtiva e que dende o meu punto de vista fíxose curta, pois case todos/as tiñan opinións que achegar, o cal é de agradecer sempre.

Para rematar, reproduzo unha frase do libro, pronunciada por Raquel, unha das amigas de Ana, que nos debería facer reflexionar durante polo menos uns minutos:

"Eran moitas as cousas que me parecían naturais: sempre as vira facer así e consideraba normal que permanecesen sen cambios"

Tamén ti vas permitir que aquilo co que non estás de acordo continúe igual sen facer nada para conseguir que cambie? Oxalá o mundo estivese a rebordar de xente como Ana, disposta a intervir e a frear as inxustizas, non cres?

No hay comentarios: