19/4/09

Con A maiúsculo

Hai xa ben tempo que non publicabamos ningunha entrada neste blogue. Ante todo, pedirvos desculpas, pois sabemos que algúns estades pendentes do que facemos en Paseniño. Con todo, non queremos que pensedes que, a pesar deste mutismo na rede, estivésemos de brazos cruzados.

Aproveitando que durante o mes de Febreiro o tema abordado dentro do noso Proxecto Lector foi o Amor, cremos oportuno centrar as nosas lecturas ao redor do mesmo. Así, eliximos dous títulos de xéneros e linguas distintos para traballar sobre eles nas nosas xuntanzas semanais:



Recompilador: José María Plaza

Ilustradora: Ágata Ruiz de la Prada

Editorial: SM

Colección: El barco de vapor - Serie roja

Idioma: castelán

Ilustrador: Pablo Auladell

Editorial: Xerais

Idioma: galego




De todo corazón: 111 poemas de amor serviunos para recuperar o hábito de que cada membro do Club escollese uns versos e os recitase en voz alta ante os seus compañeiros. Aínda que inicialmente algúns rapaces se amosaban remisos a participar nesta actividade e outros non eran capaces de terminar o seu poema sen botarse a rir, ao final, a maioría acabou actuando con naturalidade. Houbo ata dous alumnos que levaron a cabo unha especie de "acareo", interpretando a unha parella de namorados que se dedicaban mutuamente palabras de amor. Aquela sorpresa resultou especialmente gratificante, pois significaba que eses mozos xa estaban "pillados" pola poesía.

Doutra banda, e tras a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008 ao noso queridísimo Agustín Fernández Paz por O único que queda é o amor, a lectura desta obra estaba totalmente xustificada.
Neste caso pareceunos interesante propoñer algún traballo que estimulase a creatividade do grupo. Desta forma, cada dúas persoas elixiron un dos dez contos que integran o libro e inventaron conxuntamente un final alternativo. Posteriormente, utilizamos un par de sesións para escoitar como os propios alumnos narraban esas historias, comparando o desenlace orixinal de cada unha co escrito por eles. Como en botica, houbo de todo (ata alguén conseguiu que Messi aparecese ao final dun dos relatos!); pero o realmente importante é que ninguén se negou a colaborar e comprenderon que para ser un bo escritor se necesitan outras cousas ademais de imaxinación.


Tamén quixemos organizar unha actividade dirixida a toda a comunidade educativa do Instituto que non interferise o normal desenvolvemento das clases. Por iso, ao longo do mes e durante varios recreos, efectuamos pases de tres películas moi distintas, cuxo tema central era o amor: West Side Story, Cyrano de Bergerac e La novia cadáver. A asistencia de público foi bastante aceptable, sobre todo tendo en conta que se trataba do tempo de descanso dos profesores e dos alumnos.

A continuación deixámosvos cuns vídeos de cada unha delas:

No hay comentarios: