19/4/09

O gran mestre do terror



Marzo foi un mes "inquietante". E é que a inquietude é unha das sensacións que permanecen no ánimo de todos cantos lemos as obras de Edgar Allan Poe.

Dado que o pasado curso académico apenas tivemos tempo para empezar a coñecer as súas denominadas Narracións extraordinarias, parecíanos imperdoable non retomar a súa lectura, especialmente tendo en conta que este ano 2009 se celebra o bicentenario do nacemento deste escritor, responsable indiscutible de que o conto ou relato breve sexa considerado un xénero literario tan importante como calquera outro.

Ao principio, topamos cunha serie de pequenas dificultades:

  • a linguaxe empregada resultaba demasiado rebuscada para os nosos alumnos, pouco habituados a ler textos desa época (Romanticismo, século XIX).
  • a falta de lóxica no comportamento dos protagonistas "rompía os esquemas" dos rapaces, quen ata entón pensaban que sempre existe unha causa que xustifica toda acción.
  • a non condena explícita por parte do autor dos crimes cometidos polos seus personaxes, a quen, ás veces, ata parecía compadecer, estrañaba a todos, pois non comprendían que alguén capaz de realizar certas atrocidades contra seres inocentes puidese ser tratado ou descrito de forma amable polo seu creador.

Pero, tras explicar que o verdadeiro interese de Poe consistía en afondar no lado máis escuro da natureza humana (a tolemia, a crueldade, o instinto asasino, a desintegración física e moral, a dobre personalidade, etc.), sen pretender defender a conduta de ningún suxeito, foi cando realmente o grupo abandonou os seus receos e comezou a apreciar como a estrutura e a estética destes contos eran minuciosamente coidadas polo autor para causar sobre o lector un efecto de desasosego que perduraba unha vez rematada a lectura.

Entre os relatos incluídos no libro, aqueles que máis impactaron aos membros do Club foron La caída da Casa Usher, El corazón delator e El gato negro, tres obras mestras do xénero de terror que, sen dúbida, os nosos alumnos xa nunca poderán esquecer.

Para concluír, tamén queremos transcribir unha frase moi comentada nas nosas postas en común e que, posiblemente, resuma bastante ben a idea central de todos estes contos:

"Tan seguro estoy de que mi alma existe como de que la perversidad es uno de los impulsos primordiales del corazón humano, una de las facultades primarias indivisibles, uno de los sentimientos que dirigen el carácter del hombre".

El gato negro


Se desexades ler na pantalla todas as narracións, podedes facelo a través da ligazón incluída no título do libro que aparece máis arriba.

No hay comentarios: