29/4/09

Que vida a dos nosos bosques!


Logo de facer pasar tanto medo aos nosos "paseniños" coas historias de Poe, pareceunos oportuno cambiar lixeiramente de rexistro e propoñer a lectura de O bosque animado, tradución ao galego da coñecida obra de Wenceslao Fernández Flórez ambientada na Fraga de Cecebre (Cambre - A Coruña), na que o escritor combina o humor irónico e a fantasía coa exaltación da Natureza e a crítica social.

Evidentemente, en canto foi mencionado este título, os alumnos identificárono de inmediato coa película de animación infantil protagonizada por toupas, moscas e árbores, estreada en 2001 e que a maioría xa viran. Non obstante, axiña comprenderon que o libro encerraba moitas outras historias totalmente descoñecidas para eles. Foron precisamente esas outras "estancias" (así as chama o autor), as referidas a humanos e a pantasmas, as que máis captaron a súa atención.

En canto ás primeiras, os rapaces ignoraban o dura que era a vida no campo galego hai pouco máis de medio século. Eles, que tamén viven no medio rural e que están familiarizados coas tarefas propias deste, sentíronse ata conmovidos polas vicisitudes de Pilara, unha nena de apenas doce anos, explotada pola súa patroa, quen, ademais, a maltrataba baixo calquera escusa. Como este asunto parecía interesarlles, as profesoras aproveitamos para explicar máis detalladamente cal era a situación na España da posguerra, facendo especial fincapé nas grandes diferenzas observadas entre as distintas clases sociais, sobre todo nas vilas e nal aldeas.

Por outra banda, e como o misterioso sempre adoita gustar aos mozos, as historias nas que aparece a Santa Compaña tiveron un certo "gancho" con eles. Aínda que pareza mentira, case ninguén escoitara falar desta comitiva tan característica dos relatos populares galegos (onde están aqueles avós que narraban vellos contos aos seus netos?). Así que Susana, a nosa profe de Lingua Castelá, gran apaixonada e coñecedora da Mitoloxía, aclaroulles en que consistía esta lenda, relacionándoa con outros mitos debidos ao temor que os seres humanos senten ante a morte.
Logo daquela sesión, varios alumnos foron á Biblioteca para intentar pescudar máis cousas respecto deste tema. Esta curiosidade pola súa banda, fíxonos pensar que non sería mala idea buscar algún libro de índole mitolóxica para ler no Club nun futuro próximo.

A continuación queremos que vexades as ilustracións que Maife Quesada realizou para a edición galega desta obra. Quizais creades que son algo infantís, pero están en consonancia con ese punto irónico que o autor quixo imprimir.

BubbleShare: Share photos - Play some Online Games.

Para rematar, dicirvos que temos a intención de incluír o pase da película El bosque animado, rodada por José Luis Cuerda en 1987, dentro do ciclo Cine e Literatura, que, "se ningunha circunstancia allea á nosa vontade nolo impide", se celebrará durante o mes de Xuño. De momento, aquí tedes un vídeo da mesma:

No hay comentarios: