7/5/09

En français, s'il vous plaît

Os integrantes do noso Club levaban xa algún tempo pedindo ler unha obra teatral. Por iso, tras a grata experiencia do pasado curso coa lectura dramatizada de contos infantís en francés, solicitamos novamente a colaboración de Leo (a nosa profesora francófona), para intentar organizar con eles unha actividade semellante, pera á vez distinta.

O texto elixido foi L'avare, sinxela adaptación da famosa comedia de Molière que ninguén coñecía (a propósito: lembrades os "carrozas" aqueles marabillosos Estudo 1, grazas aos cales viamos de nenos na tele as representacións dos grandes clásicos?).

Como sempre sucede cos libros en lingua estranxeira, ao principio custoulles un pouco coller o fío argumental da historia. Con todo, grazas ao estupendo traballo desenvolvido por Leo, parece que todo comeza a ir vento en popa.

Ademais, o feito de que dende o pasado día 4 de maio nos estean a visitar os alumnos de intercambio da cidade irmá de Charleville, contribuíu a que os rapaces poñan, se cabe, máis empeño en superar as dificultades iniciais.

Non queremos revelar ningún segredo, pero é probable que Paseniño queira sorprender dalgún xeito aos nosos amigos franceses, pois levan unha semana completa reuníndose durante todos os recreos. Vaia afección, eh?


No hay comentarios: